Texto elaborado pola Oficina de Atención á Discapacidade (OADIS), da Dirección Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade.
Estas pautas para tratar adecuadamente as persoas con discapacidade intelectual nos procesos electorais foron elaboradas polo Centro Español de Accesibilidade Cognitiva do Real Padroado sobre Discapacidade.
Para que o procedemento de votación sexa accesible para as persoas con discapacidade intelectual é recomendable seguir estas medidas.
As persoas con discapacidade intelectual poden ir acompañadas dunha persoa de apoio da súa elección. Cando isto aconteza, diríxase sempre á persoa electora e respecte as súas decisións e preferencias.
Comprobe que o colexio electoral dispón de sinais que ofrezan apoio cognitivo e tamén que haxa información fácil de ler, xa que isto facilitará o proceso ás persoas con discapacidade intelectual e ás persoas con dificultades cognitivas en xeral. Se hai información en lectura fácil, pictogramas, axudas visuais, esquemas sinxelos, sinalización accesible ou outros sistemas que favorezan a comprensión, asegúrese de que sexa visible para que calquera persoa que a precise poida utilizala.
Lembre que non todas as persoas con discapacidade intelectual teñen trazos que as identifiquen como tal, polo que é importante prestar atención ao comportamento, por se puidese vostede encontrarse perante unha caso de persoa con discapacidade intelectual.
Nestes casos, é posible que á persoa lle resulte máis difícil expresarse, presente un pensamento máis lento, lle sexa máis complicado executar accións ou poida dar a sensación de estar confusa.
Se for o caso, déalle tempo suficiente para que poida actuar sen nervios e con seguridade. Non faga xestos nin utilice a linguaxe verbal para apresurala.
No caso de que a persoa lle faga unha pregunta, responda cun ton calmo, tranquilo e utilice unha linguaxe sinxela e clara. Procure asegurarse de que a persoa entendeu as súas indicacións.
Lembre que calquera explicación debe limitarse ao proceso electoral, respectando o segredo e a liberdade do voto.
Non sempre abonda con preguntar se se entendeu. Tente asegurar a comprensión empregando exemplos sinxelos ou pedíndolle á persoa que repita a información coas súas propias palabras.
No caso de que a persoa se presente a votar sen o DNI ou algún outro documento, reclámello con tranquilidade e explíquelle ben que é o que lle fai falta.
No caso de que a persoa con discapacidade intelectual non atope a súa mesa electoral, ou se ten problemas coa listaxe do censo ou para utilizar a cabina, procure axudala sen invadir a súa intimidade. No caso de que a persoa necesite apoio para localizar un lugar concreto do colexio electoral, procure acompañala ou procure alguén que poida facelo, para que a persoa con discapacidade intelectual non se poña nerviosa nin se perda.
Se vostede identifica que se trata dunha persoa con discapacidade intelectual, non se adiante ofrecéndolle apoios que talvez non necesite. Agarde a que a persoa exprese as súas demandas ou dúbidas antes de atendela.
Lembre que todas as persoas temos dereito a votar. O elector ou electora poderá solicitar o apoio dunha persoa da súa elección durante o proceso de votación, de acordo coa normativa electoral vixente.
Pense que pode ofrecer estes apoios cognitivos, non só a persoas con discapacidade intelectual, mais tamén a persoas maiores, a migrantes que non coñezan ben a nosa lingua ou a calquera persoa nun momento de nerviosismo.