Procedemento de voto accesible

As persoas con discapacidade visual poderán recibir o kit de voto accesible no seu domicilio (Acordo da Xunta Electoral Central na súa sesión do día 15 de outubro de 2026).

As persoas interesadas en solicitar o procedemento de voto accesible dispoñen dun prazo de 27 días (do 6 de outubro ao 2 de novembro, incluídos) para solicitalo no teléfono 900.150.000, en horario de luns a venres de 9:00 a 17:30 horas e sábados de 9:00 a 14:00 horas.

As persoas con discapacidade visual que coñezan o sistema de lecto-escritura braille e teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou sexan afiliados á ONCE poderán solicitar o kit de voto accesible ao Ministerio do Interior.

O procedemento de voto accesible consiste nun kit que se entrega na Mesa electoral o día da votación, ou previamente no domicilio da persoa solicitante, e que inclúe documentación complementaria en braille que lles permite seleccionar de forma autónoma a papeleta coa súa opción de voto.

Para solicitar a entrega a domicilio, a persoa solicitante deberá indicalo expresamente na solicitude no teléfono mencionado. Se a solicitude se realizou antes dos 16 de outubro, poderá chamar ao mesmo número para modificar o método de recollida.

Realizaranse dous intentos de entrega. Se finalmente non é posible efectuar a entrega, o kit será levado á Mesa electoral para a recoller o mesmo día da votación.

Este kit inclúe: papeletas e sobres de votación normalizados (é dicir, sobres e papeletas idénticos aos utilizados polo resto de electores) e unha documentación complementaria en braille (guía explicativa en braille, adhesivos en braille e tintas que identifican contidos e modelo auxiliar do Senado).

Entrega en domicilio: A persoa solicitante poderá preparar o seu voto con total autonomía no seu domicilio.

Recollida na mesa electoral: Unha vez entregado o kit de voto accesible, o votante pode solicitar que os membros da Mesa electoral lle faciliten o acceso a un espazo, situado o máis próximo posible da Mesa electoral, para manexar alí a documentación contida no kit de voto accesible con garantías de privacidade. Tamén pode levarse o kit de voto accesible fóra do local electoral e volver máis tarde para emitir o voto.

Para as Eleccións ao Senado, debe marcar a súa opción de voto cun bolígrafo ou lapis nas caixas do modelo en braille dentro do que está a papeleta do Senado. Neste modelo, cada candidatura está identificada cun número. Localizado ese número na listaxe en braille de candidaturas, poderá coñecer así a denominación da candidatura, así como os nomes dos candidatos e candidatas ao Senado correspondentes a esa candidatura. Unha vez seleccionados os candidatos aos que desexa conceder o seu voto, deberase extraer a papeleta estándar do modelo e introducila no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Senado”.

No caso da Elección ao Congreso dos Deputados, debe abrir o sobre grande que indica en braille “Eleccións ao Congreso dos Deputados” e seleccionar, de entre os sobres pequenos que hai dentro, o que lle indique en braille que contén a papeleta correspondente á candidatura á que desexa outorgar o seu voto, retirando esa papeleta e introducíndoa no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Congreso dos Deputados”

Se recibe o kit no seu domicilio, deberá preparar o seu voto e levalo á súa Mesa electoral o día das eleccións ou votar por correo.

Se recolle o kit na Mesa electoral onde debe votar, terá un espazo no local para preparar o seu voto e entregarao na Mesa.

Recoméndase ao elector ou electora que leve consigo o kit de voto accesible, xunto con todo o material sobrante, coa fin de garantir o segredo do voto emitido.